O voceiro dos populares, Javier Bas asegura que o goberno local volve perder unha axuda, nesta ocasión procedente da Xunta, para acometer diferentes actuacións no ámbito medioambiental. Concretamente serían subvencións para a creación dun punto limpo en Redondela así como achegas destinadas a poñer en marcha proxectos de separación e reciclado de residuos e de tratamento de aceite usado.
O PP de Redondela explica que unha das subvencións concedidas ascendía a 299.000 euros dos que 164.000€ xa se perderan e os 135.000€ restantes foron perdidas este ano ao non realizar as actuacións para as que solicitaron dita subvención que estaba destinada á instalación dun punto limpo en Redondela. Un punto limpo que estaba previsto instalar nas inmediacións do cemiterio de Mañó pero que non será realidade ao votar en contra da mesma tanto PP como BNG, voto que os populares xustifican porque o goberno non consultara previamente aos veciños de Quintela para a súa instalación.
Outras das subvencións obtidas da Xunta de Galicia, que segundo o PP tampouco foron xustificadas polo goberno, foi a destinada para proxectos de separación y reciclado en orixe de biorresiduos mediante compostaxe doméstico ou comunitario por valor de 141.478 euros ou a destinada a proxectos de implantación ou mellora da recollida separada de aceite de cociña usado.
O PP conclúe afirmando que “este importe súmase ás subvencións xa perdidas anteriormente como a da Praza de Abastos por 1.400.000 euros, a do Pavillón de Reboreda por case 50.000 euros e unha parte importante dos Fondos Europeos conseguidos polo goberno anterior”.