O últimos dos casos producíase ás 8:00 horas da mañá cando un camioneiro que se dirixía en dirección ao polígono de Amoedo seguindo as indicacións do seu navegador desviouse dende a N-550 e acabou atascado nunha estrada que non é apta para vehículos de gran tonelaxe. Os veciños da zona reclaman que se poñan sinais para evitar o paso de camións que unha e outra vez quedan atascados.
A manobra que realizan estes camioneiros é recorrente. Proceden de Pontevedra e indican ao seu navegador que se dirixen ao Polígono de Amoedo en Pazos de Borbén. Unha vez na N550 o GPS aconséllalles que se desvíen na zona da Pantalla, onde se atopa o Bar Torres en dirección a Ventosela. Se ben nun principio a estrada está en condicións pouco a pouco vaise estreitando ata chegar a zona das casas, onde os camións vense na imposibilidade de seguir avanzando nunha vía chea de curvas e onde dar a volta é moi complicado.
Na mañá de hoxe unha patrulla da policía local desprazouse ao lugar logo de seren avisados polos veciños e colaboraron co condutor do camión para desatascar o vehículo. Os veciños reclaman unha solución que pasa pola colocación de sinais que indiquen un límite de tonelaxe para advertir aos camioneiros de que non poden continuar por esa vía.