As actividades, orientadas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade, desenvolveranse os días 25, 26 e 27 de marzo, e o 1 de abril en horario de 10.00 a 13.00 horas nos Multiúsos do Piñeiral do Crego en Chapela e no Multiúsos da Xunqueira en Redondela. As actividades son de balde, con prazas limitadas que se adxudicarán por orde de inscrición.
Os obradoiros a desenvolver, coordinados dende a concellería de Servizos Sociais e Igualdade, consistirán en actividades lúdicas e didácticas para nenas e nenos, con xogos, manualidades con material e refugallo con dinámicas relacionadas con esta época do ano.
A concelleira Iria Vilaboa explica que esta iniciativa busca o obxectivo de “ofrecer ás familias un tempo de lecer para nenos e nenas que lles permitan compartir tempo con toda a rapazada e aprender de xeito lúdico, cunhas horas de ocio de calidade durante as vacacións de Semana Santa”.
A inscrición pode facerse no Multiúsos da Xunqueira, no caso dos obradoiros en Redondela, e no Multiúsos do Piñeiral para os obradoiros en Chapela, ata completar aforo. Pode facerse de xeito presencial nos propios centros, a través dos teléfonos 986 402 865 en Redondela e 986 451 280, ou nos enderezos electrónicos multiusosredondela@gmail.com ou multiusoschapela@gmail.com.