Foto: Patri Rivas
A SAR Rodavigo (DH Prata Feminina) e Sar Plastic Omnium (primeira autonómica) foron dignos rivais para os líderes de cada unha das categorías que esta fin de semana visitaban o pavillón da Bomboneira. O balonmán Chapela continúa pelexando pola permanencia logo de empatar co Carballal.
División de honra prata feminina
Sar 28-33 Puerto del Carmen
As mozas da SAR loitaron ante o líder, o Lanzarote Puerto del Carmen que cunha gardameta imbatible facía moi complicado culminar as xogadas con gol. As visitantes comezaron con contundencia colocando un 1-5 no marcador oito minutos do partido, pero as locais foron quen de achegarse ás canarias, malia que xa se chegou ao descanso cun 11-16.
O equipo de Vero Posada logrou nalgún momento acurtar distancias pero o Puerto del Carmen fixo valer a súa condición de líder e levouse o partido cun definitivo 28 -33.
Son sétimas e na vindeira semana repiten na casa, no que será o último derbi galego da tempada. Reciben ao Cañiza, rival directo situado na oitava posición.
Primeira nacional
SAR Plastic Omnium 24-25 Poio Artai
Emocionante partido o vivido o domingo na Bomboneira, cunha Sar que durante boa parte do partido estivo por diante do Poio, líder da categoría. Partido intenso e axustado chegándose ao descanso cun 12-11 no marcador e chegando os de Redondela a ter unha vantaxe de ata cinco goles, pero os vigueses foron quen de ir acurtando distancias ata lograr a vitoria.
O Poio Artai foi quen de remontar e colocar as táboas a falta de cinco minutos para a finalización do partido. O tramo final estivo cargado de tensión. Os erros en ataque castigaron aos locais e a Sar tivo oportunidade de empatar nos últimos segundos de partido. Os de Manolón estaban en posesión do balón cando sonou o pito final tras unha falta que a Sar non foi quen de converter en gol. A próxima xornada xogarán o seu último partido como visitantes, será na pista do Granitos Ibéricos Carballal.
Balonmán Chapela 29-29 Granitos Ibéricos Carballal
Os de Chapela lograron o empate precisamente ante o Carballal. Terceiros pola cola, a próxima cita será no campo do Valinox Novás B, sextos na primeira nacional.