Os montes de Amoedo sufriron no ano 2017 a acción devastadora do lume quedando reducidos a cinzas, tal e como lembra María Barreiro dende a Comunidade de Montes da parroquia. Sete anos despois este espazo está a rexurdir coa plantación de novas e pioneiras especies como os pistachos, as abeleiras e os castiñeiros. Son xa seis as persoas que traballan nestas plantacións, pero o proxecto é moito máis ambicioso e busca recuperar a función vertebradora do monte con actividades que promovan o coñecemento dos xacementos da zona, a toponimia e a atracción turística.
“Hai que ver o monte non só como produción de masa forestal senón como un espazo cheo de vida”, con esa premisa traballa María Barreiro quen lembra que cincuenta anos atrás era un espazo cheo de recursos onde veciños e veciñas acudían porque era unha fonte esencial para o desenvolvemento da súa vida. Unha función vertebradora que se esqueceu nas últimas décadas e que buscan recuperar dende esta entidade.
Apunta como un dos efectos máis tanxibles de todo o que están a facer o feito de que xa haxa seis persoas traballando no monte e adianta que a medio prazo será necesario contar con máis man de obra para atender a produción que poidan dar esas plantacións de pistachos e castiñeiros “iso vai beneficiar a aqueles que poidan traballar directamente pero tamén será unha ganancia para os comuneiros e aos veciños en xeral que poden así gozar dun entorno sostible”.
Esta mesmo xoves aproveitando a celebración do Día da Árbore contarán co alumnado do CPI Curros Enríquez e os usuarios do centro de persoas con diversidade funcional ASPAVI para desenvolver unha xornada de plantación de carballos e cedros. A actividade ademais de promover a concienciación ambiental contará tamén ca difusión do patrimonio cultural da parroquia, xa que na zona de plantación atópanse numerosos gravados rupestres e mámoas.
Un programa de actividades que inclúe tamén un traballo intenso de recuperación da toponimia e que buscan promover o desenvolvemento ambiental sostible, a difusión do patrimonio cultural e a integración social.