O arranxo do camiño de Cidadelle, meses despois do seu inicio, continúa sen ser unha realidade. A veciñanza da zona amosa a súa indignación polo estado da vía “con valados polo chan, nun estado lamentable e con obras que non avanzan”. Unha situación que levou aos veciños a concentrarse na tarde de hoxe nesa vía para esixir o seu arranxo inmediato. Dende o PP reclaman ao goberno local que dea explicacións de porque unha obra que tiña un tempo estimado de catro meses “oito meses despois segue sen estar rematada e sen trazas de facelo a curto prazo”. O Concello asegura que o asfaltado realizarase “a partir do vindeiro luns”.
As obras de reforma da Subida de Cidadelle arrancaron o pasado mes de setembro cunha achega da Deputación de 355.465€ da Liña 1 do Plan Concellos. Unha actuación que contemplaba a renovación das redes de saneamento, pluviais e abastecemento ademais dun novo firme. Malia que o prazo de execución era de catro meses, o certo é que as obras a día de hoxe están sen finalizar.
Aseguran os afectados que “cando parecía que por fin se ía a asfaltar xa que estaban alí as máquinas, resultou que a empresa empezou a abrir novas gabias, colocar tubos e facer arquetas”. Así o indicaron tamén dende o PP quen na tarde de hoxe acompañaron á veciñanza na concentración que tiña lugar a media tarde na parroquia.
Engaden os usuarios da vía que durante meses os viandantes e condutores tiveron que buscar novas alternativas de accesos, en moitos casos en moi malas condición, con cortes de tráfico sen previo aviso. Ante esta situación os populares instan a que de inmediato o goberno municipal cumpra coas reclamacións dos veciños e procedan a rematar unha obra “que está a ser un calvario para a veciñanza”.
Atrasos polo mal tempo
Dende o goberno local aseguran que as chuvias das últimas datas impediron realizar os traballos, e comprometen que o novo firme executarase a próxima semana. Apuntan o inicio do asfaltado no luns 25 de marzo “o departamento de Urbanismo fixou esta data para aproveitar as vacacións escolares de Semana Santa, para evitar os prexuízos que os traballos poidan causar aos autobuses de transporte escolar do CEIP Igrexa”.