A petición da agrupación de mariscadoras de Redondela ao subdelelgado do goberno, Abel Losada e a alcaldesa, Digna Rivas sobre a eliminación da escollera do Alvedosa, volve traer á actualidade unha cuestión polémica que xa fora proposta no 2017 dende a Confraría. O sector do mar entende que esta infraestrutura é prexudicial para o marisqueo mentres que colectivos culturais como Alén Nós reivindican o seu valor e falan dunha “falta de sentido histórico por parte dos políticos cando se comprometen a estudar esta petición”.
As escolleras de pedra da Portela (Barras do Alvedosa) foron construídas en 1926 para facilitar a navegación dos barcos polo río cara Redondela. Están incluídas nun estudo de potenciación turística da Enseada de San Simón coma un recurso cultural máis xa que son elementos únicos, xunto ás dos portos de Pontevedra e Noia. Dende Alén Nós lembran a súa relevancia no desenvolver económico do concello na primeira metade do século pasado e insisten en que a día de hoxe forman parte da paisaxe da Enseada tal como a coñecemos “sendo un dos elementos físicos que a caracterizan e un recurso turístico a explotar”. Guillermo Fontán fala dunha “falta de sentido histórico preocupante”.
Insiste Andrés Laxe en que, malia entender a preocupación das mariscadoras ante a caída do marisco “cómpre estudar as causas reais do descenso dos moluscos e dos cambios nas mareas como o peirao de Cesantes ou o cargadeiro de pedra”. Neste sentido critican especialmente aos políticos que na vez de defender o patrimonio histórico e cultural de Redondela contemplen a posibilidade de eliminar esta escollerera alegando que non ten utilidade.
En todo caso, amosan a súa tranquilidade ante un tema “que non ten moito percorrido, como xa non o tivo hai sete anos cando fora proposto pola Confraría”.