A asociación trasladou á Concellería de Cultura un proxecto para desenvolver unhas xornadas orientadas ás comisións e aos centros culturais para darlles unha volta ás celebracións patronais. Confían en ter unha resposta canto antes xa que as xornadas estarían programadas en principio para o 14 de abril e incluirían a presenza de varios poñentes do ámbito cultural.
Unha actividade programada nun principio para a mañá do 14 de abril “co obxecto de que as Comisións repensen as súas festas patronais antes de ter pechada a programación e as contratacións para as celebracións deste ano”. Explica Andrés laxe que este é o momento axeitado xa que moitas comisións están agora no proceso de pechar actuacións e organizar programas.
Ao longo da xornada abordaríanse cuestións como o papel da música e o baile tradicional, e se analizaría como repensar as festas co obxecto de que combinen coa identidade de cada unha das parroquias onde está previsto desenvolver a actividade. “A día de hoxe non se distingue unha festa doutra, independentemente de onde se celebre, porque practicamente todo se reduce a recadar cartos para poder pagar o que custan as orquestras, pensamos que sería positivo darlle personalidade propia do lugar a cada unha das festas”.