Un total de 24 creadores poderán participar na II Residencia Literaria da Illa de San Simón para o estímulo e a promoción da creación en galego a través do apoio aos seus procesos de traballo. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de abrir as inscricións para incorporarse a esta iniciativa coa que se pon ao dispor dos participantes un espazo, un ambiente e unhas condicións óptimas para a enteira dedicación aos seus proxectos creativos.
Ante o éxito da primeira edición, a Xunta duplica o número de prazas ofertadas chegando a 24 e, ademais, tamén se ofrecen máis posibilidades temporais de estadía: do 20 de maio ao 2 de xuño, do 23 de setembro ao 6 de outubro e do 4 ao 18 de novembro.
Para poder desfrutar desta experiencia, os participantes deben ser maiores de idade e estar desenvolvendo un proxecto creativo en lingua galega, pois esta residencia está concibida para o desenvolvemento e mellora de proxectos de creación literaria durante o período de estadía dos creadores, que deberá ser como mínimo dunha semana e como máximo dunha quincena. Na Illa de San Simón, estes profesionais terán ao seu dispor os bens e servizos necesarios para o desenvolvemento do seu traballo, contando con aloxamento en cuarto individual e espazo de traballo propio, en réxime de pensión completa na Residencia Stella Maris.
Solicitudes ata o 24 de abril
Os interesados en participar poderán presentar as súas solicitudes ata o 24 de abril a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tan só se poderá incluír unha única candidatura acompañada dun documento (máximo de 10 páxinas) que deberá incluír a explicación do proxecto de creación literaria que desenvolverá na residencia, xénero, idioma da obra, currículo do aspirante, expediente artístico e carta de motivación, entre outros detalles que se poden consultar nas bases.