A nova edición do Artelixo arranca este sábado cun cento de obras espalladas por rúas, prazas e escaparates da vila. A inauguración terá lugar no Multiúsos ás 12:30 cunha exposición de Eusebio Rivero Veiga e o recoñecemento “Artelixeira de honra” que nesta edición recae na artista redondelá Pilar Fernández Rey. A programación do Artelixo inclúe tamén obradoiros, performances, música e unha charla a cargo de Carlos Taibo o 19 de abril ás 20:00 horas.
Baixo o lema “Artelixo a todo trapo” un ano máis chega a Redondela un evento reivindicativo e artístico que enche a vila de esculturas elaboradas con material de refugallo e outras actividades que nesta edición buscan denunciar a problemática ambiental que xera a Industria do Téxtil, unha das máis contaminantes do planeta, tan só por detrás da petroleira.
Co obxecto de denunciar os problemas medioambientais que provoca a fabricación, transporte, e xestión da roupa ademais da explotación laboral que hai detrás desta industria, os artistas participantes nesta edición crearon obras diversas en torno a esa temática que se poderán ver expostas ata o vindeiro 20 de abril.
Malia que algunhas das obras xa están na rúa, a inauguración do Artelixo 2024 será este sábado ás 12:30 no Multiúsos coa exposición do artista marinense e mestre de ensinanzas artísticas do IES Pedro Floriani Eusebio Rivero Veiga, que permanecerá ta o 30 de abril, e o recoñecemento a artista redondelá Pilar Fernández Rey como “Artelixeira de honra” en agradecemento ao seu compromiso co festival, e que en edición anteriores recibiron Fon Conde, Pedro Vilas e Manuel Xío.
Durante o acto de inauguración lerase o manifesto de ArteLixo 2024 e haberá actuación musical a cargo de Chico-Bola e Compañía.
Un festival que convida a percorrer a vila para ir descubrindo as diferentes propostas artísticas pero que tamén inclúe outras actividades en paralelo como a Poesía para peóns (o 15 de abril, de 16.00 h. a 18.00 h. Nos arredores dos institutos), a palestra a cargo de
Carlos Taibo (19 de abril, as 20.00h. no Auditorio do Multiusos da Xunqueira) e os tradicionais Sonalixo e obralixo que se desenvolverán na antiga feira do gando o sábado 20 entre as 17:00 e as 21:00 horas.
O arteLixo está organizado polo colectivo ArteLixo e conta coa colaboración do Concello de Redondela e a consellería de Cultura.