A programación do Colectivo Republicano de Redondela co gallo da conmemoración da II República inclúe a proxección de dous documentais en torno á Memoria histórica e que contará ademais cunha charla posterior con algunhas das persoas implicadas no proxecto. Acorda poderase ver hoxe xoves ás 20:00 no Multiúsos, mentres que a segunda parte –con presenza de Montse Fajardo e María Ortega- proxectarase a mesma hora este venres.
Uxía Senlle, Blanca Francés e Tatán estará presentes na tarde de hoxe na proxección do documental Acorda, un audiovisual no que a través da música e das testemuñas recreadas por actores e actrices dáse voz ás vítimas amosando lugares da memoria histórica e feitos relacionados coa represión franquista na provincia de Pontevedra, entre elas a Illa de San Simón.
Mañá venres, tamén dentro dos actos conmemorativos da II República, proxectarase o documental “Acordamos” ’, no que se continúa con ese percorrido para dar a coñecer lugares e feitos relacionados coa represión franquista na provincia a través da música. Estará presente a que fora responsable do departamento de Memoria Histórica na Deputación de Pontevedra, María Ortega, e a historiadora e escritora Montse Fajardo.
As actividades continuarán o día 14 cunha intensa xornada que arrancará ás 20:00 horas cunha homenaxe aos asasinados no Alto da Concheira que terá lugar precisamente no monumentos que nese punto lembra aos represaliados polo franquismo. A continuación procederase a inaugurar a antiga escola republicana de Cedeira.
Xa pola tarde celebrarase o tradicional acto homenaxe na foxa común dos Eidos ás 18:30 horas e descubrirase unha placa na que fora a casa de “A Garavilla” nomeada Republicana de Honra.
Os actos pecharanse o día 17 cunha palestra na Casa da Cultura ás 20:00 horas a cargo do brigadista, escritor e activista, Antolín Pulido.