Concentración no IES Illa San Simón
O Instituto illa de San Simón participou tamén o pasado venres dos actos reivindicativos convocados polo grupo de Docentes con Palestina, do mesmo xeito que os centros Pedro Floriani e o instituto de Chapela. Unha cita reivindicativa na que participaron tamén os máis cativos da Escola Infantil de Cesantes.
Os actos tiveron lugar no mediodía do venres en diferentes centros de toda Galicia e os claustros dos centros redondeláns do IES Illa de San Simón, IES Pedro Floriani e IES de Chapela decidiron sumarse ás concentracións convocadas no ensino co lema “Paremos o masacre en Palestina”. A convocatoria parte do grupo Docentes con Palestina, conformado por profesoras e profesores de distintos centros de Galicia que se uniron para articular traballos pedagóxicos relacionados con Palestina, e é secundada por varios sindicatos.
As mobilizacións tiveron lugar simultaneamente ás 12:00 horas nos distintos centros de ensino adheridos á iniciativa, cao lectura dun manifesto conxunto no que se indica que “son máis de 32.000 persoas asasinadas” dende que comezara a guerra o pasado mes de outubro e que “en cinco meses de guerra morreron máis nenos e nenas que no conxunto de todas as guerras do mundo dos últimos catro anos”. Así mesmo, engádese que “a comunidade escolar temos a obriga de actuar fronte á barbarie e actuar como o que somos, parte da sociedade civil, para presionar os nosos gobernos co fin de parar este xenocidio”.
Os centros adheridos a esta proposta condenaron o masacre que está a acontecer en Palestina e esixen o cese inmediato dos ataques así como a abertura dos pasos fronteirizos para a chegada de axuda humanitaria.