A coñecida como praza da Farola permanecerá pechada ao tráfico dende as 20:00 horas do venres ata as 4:00 da madrugada do sábado cando está previsto que rematen as obras de asfaltado e reparación do firme. Previamente restrinxirase o aparcadoiro na zona para permitir a actuación da maquinaria. O tráfico será desviado polas rúas Alfonso XII e Xunqueira, e o servizo de autobuses terá tamén un percorrido alternativo.
Desde a concellería lamentan os prexuízos que poidan causar aos veciños da zona pola realización dos traballos en horario nocturno, pero decidiuse así porque é “cando menos se prexudica á circulación de vehículos e aos establecementos comerciais da zona”, explica o concelleiro de Infraestruturas Roberto Villar, quen cualifica as obras de “imprescindibles” ante o estado no que se atopa esta rotonda.
Por outra banda, remataron os traballos de ordenación e sinalización na rúa Estación, en Chapela, para o pintado da zona de carga e descarga e a delimitación das prazas de aparcadoiro. Estes traballos responden á necesidade de permitir o traballo dos camións de recollida do lixo que ata o de agora e debido a como estacionaban algúns vehículos tiñan problemas para acceder aos colectores.