Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela demanda ao Ministerio o arranxo da rotonda de Cabanas

rotonda cabanas

O estado deste tramo da N-552 é motivo de crítica por condutores e condutoras que lamentan ter que pasar pola rotonda esquivando fochancas e buracos. Dende o goberno local instan tamén á administración autonómica a acometer as obras de humanización da avenida Mendiño en Redondela e a abordar a segunda fase da avenida de Vigo en Chapela, que foran anunciadas pola anterior conselleira de Infraestruturas.

O deteriorado estado no que se atopa a rotonda de Cabanas, de paso obrigado para os vehículos que se dirixen dende Redondela a Vigo ou Chapela, ten sido criticado en incontables ocasións polos seus usuarios. Fochancas e firme completamente levantado é o que define este tramo da N-552. Unha situación da que é consciente o goberno local, polo que o seu concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, asegura que xa lle trasladaron ao goberno central, a petición para o seu arranxo “ao ter un tramo parcialmente afundido” recibindo como resposta que son obras “prioritarias” pero sen establecer ningún tipo de prazo para acometer a obra de mellora.

Aseguran dende o Concello que o responsable de estrada na provincia, Pablo Domínguez, lles confirmou que os traballos proxectados “van máis aló dun simple asfaltado” xa que é preciso facer unha obra de calado para mellorar a rotonda e todos os accesos. Por este motivo Villar solicitoulles que “mentres non se poida acometer a obra na súa totalidade, se asfalten as fochancas para mellorar a circulación dos vehículos”. Tamén instan ao Ministerio a acometer melloras en tramos das estradas nacionais 550 e 555 que atravesan Redondela.

Estradas autonómicas

Por outra banda, dende o goberno local lembran tamén que continúan á espera de que a consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometa obras comprometidas pola súa anterior titular, Ethel Vázquez. Concretamente fan referencia ao compromiso adquirido pola Xunta en 2019 para a humanización da avenida Mendiño en Redondela e da segunda fase da avenida de Vigo en Chapela, así como o arranxo das zonas xa humanizadas na avenida de Vigo que presentan afundimentos. Desde o Concello lamentan que non houbese “ningún avance por parte da Xunta de Galicia” e solicitarase unha reunión coa nova conselleira do ramo, María Martínez Allegue, para lembrarlle estes compromisos. Outra das demandas que lle trasladarán será a necesidade de facer traballos de mantemento e limpeza na estrada PO-250, que une Redondela con Pazos de Borbén, e que se atopa en mal estado.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará