Nisi Otero asume a máxima representación do pósito trala renuncia de Xoel López quen presentaba este luns a súa dimisión logo de tres anos e medio ao fronte da Confraría. Ata o de agora non transcenderon os motivos que o levaron a renunciar ao cargo malia que detrás desta decisión podería estar a complicada situación económica que atravesa o pósito.
Xoel López accedera ao cargo por vez primeira en febreiro de 2020 substituíndo a Clemente Bastos. Tras revalidar este cargo nas eleccións celebradas en outubro de 2022 aínda lle quedaban por diante máis de dous anos como máximo representante do pósito, dado que a duración do mandato tanto da patroa ou patrón maior como do resto de órganos da confraría -xunta xeral e cabido- é de catro anos.
Confirmado o cese de Xoel substitúeo no cargo, en funcións, Nisi Otero quen forma parte da Agrupación de Mariscadoras e que será a nova patroa maior ata a celebración de eleccións.
Deberá asumir a máxima responsabilidade da entidade nun momento no que se atopa con serias dificultades económicas, lastrada entre outras cuestións pola drástica caída do marisqueo nos últimos tempos.