A proba deportiva, orientada a nenos e nenas que teñan entre 3 e 11 anos de idade, celebrarase o vindeiro 18 de maio no Peirao de Arcade a partir das 16:30 horas. Haberá dúas categorías: de 3 a 5 anos, cun percorrido de 500 metros; e de 6 a 11 anos, cun percorrido de 900 metros. As inscricións están xa abertas na páxina gladiatorraceoficial.es.
O concello de Soutomaior acollerá o sábado 18 de maio a súa primeira ‘Gladiator Kids Race’, unha modalidade de carreira de obstáculos para que os máis pequenos e pequenas disfruten practicando deporte ao tempo que viven unha auténtica aventura. Soutomaior súmase así a outros concellos nos que tamén se levará a cabo esta proba, como son Ribadeo, Pontevedra ou Logroño.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a técnica deportiva municipal, Raquel Villaverde, presentaron este luns o cartaz desta primeira edición da ‘Soutomaior Gladiator Kids Race’. O evento terá lugar o día 18 no Peirao de Arcade a partir das 16:30 horas. Poderá participar calquera menor que teña entre 3 e 11 anos, e deberá ir acompañado ou acompañada por unha persoa adulta durante o transcurso da proba deportiva. En total hai 250 prazas (sen contar as persoas adultas acompañantes) e as inscricións, que son totalmente gratuítas, xa están abertas na páxina gladiatorraceoficial.es.
Haberá dúas categorías: de 3 a 5 anos, cun percorrido de 500 metros; e de 6 a 11 anos, cun percorrido de 900 metros. Só as crianzas superarán os obstáculos, mentres que a persoa adulta acompañante encargarase de dar apoio.