A festa do Choco celébrase na fin de semana dos días 10,11 e 12 de Maio. Con todo, os amantes do choco xa poden gozar do produto estrela da gastronomía redondelá saboreando os pratos que durante esta semana servirán os locais A Cova, Pizzería Bos Aires, Papagaio Bistró e Novo Royalty. Catro establecementos que se sumaron ás xornadas gastronómicas que se desenvolverán ata o vindeiro domingo con propostas variadas que van dende o tradicional arroz con choco ata os máis innovadores como o ceviche de choco ou a calzone de choco.
Entre as novidades deste ano atopamos o local Papagaio Bistró que ven de abrir as súas portas na rúa Pai Crespo e que nos propón dúas suxestivas elaboracións a base de choco: pan bao e ceviche de choco. Dúas propostas innovadoras das que nos falaba Ángel quen salienta a boa calidade do produto e o innovador dos dous pratos que inclúen na súa carta durante esta semana.
No caso da pizzería Bos aires repiten cos seus pratos italianos a base de choco, que poderemos degustar tanto en Pizza como en calzone ou con pasta.
Tamén repite o local A Cova, quen aposta polos mesmos pratos que xa ofreceron nas edicións anteriores respectando a tradición: empanadas de chocos tanto de millo como de trigo, choquiños na súa tinta, chocos acompañados de arroz branco ou patacas e arroz negro con chocos.
Xesús Pérez explica que hai anos desprazábanse ata a carpa pero que agora prefiren elaborar este menú especial como xeito de celebrar a festa do choco no propio establecemento.
Insiste en que malia esta participación especial nas xornadas gastronómicas, no local A Cova traballan todo o ano este produto da ría. Un choco que é moi valorado por veciños e visitantes.
No novo Royalty volven apostar polo menú do ano pasado, cunha pequena variación.
Unhas empanadillas de choco, croquetas e arroz con choco que fan tamén a delicia dos peregrinos, que proban por primeira vez este prato en Redondela.
Unha celebración nos locais de hostalaría que se trasladará tamén a carpa do campo da feira que funcionará o venres, sábado e domingo. Será o venres 10 cando abra as súas portas ás 19:30 horas coa apertura dos postos de degustación e a música da orquestra de saxos ás 20:00 horas e o Combo dominicano a partir das 23:00 horas.