A Alameda Castelao acolleu hoxe pola mañá a IV edición da actividade “Lectura na rúa” na que un milleiro de estudantes de Educación Infantil e Primaria, xunto coas súas familias e a participación dos centros de día de Redondela e as bibliotecas, puideron gozar dun día de convivencia enfocado ao fomento da lectura.
O evento nacía no ano 2017 da man do Colexio Santa Mariña co obxecto de conmemorar o Día do Libro e, despois do parón da pandemia, xa levan celebradas catro edicións. “Cada ano vai medrando e agora xa participan todos os centros educativos de Educación Infantil, Primaria e IES de Redondela, ademais de 5 centros de día do concello, sumando preto dun millar de persoas, que se xuntaron baixo o sol a compartir experiencias entorno a lectura e a cultura”, explicaba a docente Eugenia.
Deu comezo ás 10:30 coa lectura do pregón a cargo do alumnado de 6º de Primaria do Santa Mariña “coa idea de que rote polo resto de centros”. A continuación deron paso ao tempo de lectura silenciosa, o intercambios de marcapáxinas, a lectura compartida e a interpretación da canción “Ven Ler” que foi escrita exclusivamente para a cita. Despois do tempo de descanso e merenda, comezaron as actuacións a cargo da compañía ‘Barafunda’ con dúas actividades paralelas na Alameda, enfocado a público Infatil e de Primaria, e na Pista da Xunqueira para estudantes dos IES.
É evidente o esforzo que se vai sumando cada ano para celebrar “esta gran festa da lectura” e pódese apreciar a mellora nos detalles como pode ser a calidade do son na rúa ou as instalacións para protexer aos máis pequenos e aos maiores das variacións do tempo. Nesta ocasión o sol marcou a meteoroloxía e a organización “pensada ata o último detalle” protexeu con gorra e pequenas carpas aos participantes.
Unha das novidades desta edición foi o Stand emprazado na Alameda e que contaba cun Photocall para que as familias e os viandantes puideran sacar fotos como recordo e mesmo achegáronse peregrinos e turistas interesados. “Repartíronse marca páxinas para intercambiar e libros co obxectivo de que as familias e a veciñanza sexan un exemplo para o alumnado”.
Dende o centro de día ‘Os Cortizos’ mostraban a súa satisfacción e alegría de formar parte desta actividade “interxeracional” que busca fomentar a lectura nun espazo diferente. “Estas saídas aportan moito aos maiores e pasárono en grande cos cativos”.
“Lectura na rúa” conta coa organización do CEP Santa Mariña, xunto co Concello de Redondela e coa colaboración da Biblioteca Municipal e a ANPA Ernestina Otero. Dende a directiva e persoal laboral do Santa Mariña agradecen a todos implicados a axuda para desenvolver un evento “tan grande e no que se envorcou toda a comunidade educativa”.