O mural, que se inauguraba ás 13:30 horas de onte no instituto da parroquia, foi elaborado por alumnado do centro, deseñado e coordinado pola profesora de Belas Artes, María Pereira. No mesmo reprodúcese un verso do poemario “Materia” que Yolanda Castaño dirixe á súa avoa costureira: “Nunca teremos xeito para ser mandadas, avoa, teimaremos en vivir dun soño de organdí”.
No acto de presentación participou a propia poeta, Yolanda Castaño, quen reivindicou a forza dunha xeración de mulleres que son un referente para as súas fillas e netas. Así mesmo realizouse un recitado colectivo do poema “Modas Lolita Rivas” no que participaron alumnado dos diferentes niveis do centro, dende ESO, Bacharelato e FP así como profesorado e persoal non docente.
A elaboración do mural foi promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, que leva xa 10 anos enchendo de murais as paredes do centro, carta de presentación do instituto quen transmiten valores importantes e o vinculan coa historia da literatura galega. Os sete murais anteriores foron dedicados a Rosalía de Castro, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, os trovadores medievais, Xela Arias, Sesé Mateo e Manuel Rivas.