A programación en torno ao día das letras galegas arrancara o día 15 na biblioteca de Arcade cunha lectura dramatizada e un taller de escritura creativa sobre Rosalía de Castro e Luísa Villalta e pecharase o día 29 cun recitado de Yolanda Castaño. Un programa que inclúe tamén unha xornada de Xogos da lingua o día 21 na que participarán máis de 240 escolares seguindo un formato de xogos olímpicos. Unha proba que comezará en Salgueirón, relevo no IES Soutomaior e chegada a Talo para participar na gran festa das letras amenizada cun espectáculo especial do pallaso Peter Punk.
Esta actividade ten como obxectivo amosar, a través do relevo, a importancia de falar a nosa lingua, o galego, a importancia de transmitir e do relevo xeracional do noso idioma.
O inicio será as 9:30 h. en Salgueirón dende onde partirán cunha antorcha/facho, ata o seguinte centro e así sucesivamente para completar as probas cunha metodoloxía de xogos olímpicos.
A chegada a Talo Río prevista sobre media mañá, as e os participantes recibirán unha chapa conmemorativa pola súa participación e poderán degustar a súa merenda desfrutando do espectáculo Con lingua propia do pallaso Peter Punk.
Unha programación en torno ao Día das Letras galegas que arrancará coa lectura dramatizada e o taller de escritura creativa na biblioteca Luis Seoane o día 15. O xoves 16 de maio ás 21:00h. chegará ao Multiusos“Deadpan Karaoke” de Ibuprofeno teatro e o domingo 19 o protagonista será o teatro con música en directo ‘Supercoroza. Na eira e na lareira’ de Xanela do Maxin, unha cita que terá lugar ás 18:00 h. na Casa da Cultura Rexina Míguez Doval.
O sábado 25 de maio ás 21:00 h. chegará ao Multiusos “Made in Galicia” de Sechu Sende e o mércores 29 de maio a programación das letras pecharase cos Contacontos en verso con Yolanda Castaño, unha cita que terá lugar ás 18:00h. na Biblioteca Luís Seoane.