Xa está todo preparado para que arranquen as actividades de rúas que encherán o centro da vila de espectáculos variados orientados a grandes e cativos. As carpas instaladas nos diferentes escenarios permitirán gozar dos títeres malia a chuvia con compañías chegadas dende México, Andalucía, Cantabria, Valencia e, como non Galicia. Entre elas atopamos a compañía Ó Cubo con presenza do redondelán Roberto Mouriño que presenta a obra “De Vilatriste a Vilalegre” en coprodución co Centro Dramático Galego.
Un espectáculo en formato itinerante que serve para conmemorar os 40 anos do CDG.
A proposta desenvólvese nun peculiar escenario con rodas chamado A utopía Rodante. Co mundo do cómic de referencia e combinando teatro actoral e de monicreques fálase da realidade social do rural galego a partir da historia de Vilatriste, onde se instalan uns novos habitantes que son recibidos con estrañeza pola veciñanza. Unha obra que parte do texto de Roi Vidal.
Esta obra poderase ver o venres ás 19:00 horas na praza do Concello, pero a xornada arrancará xa as 12 coa Feira dos Imposibles, unha instalación que permanecerá toda a fin de semana na Praza de Ponteareas.
Os espectáculos desenvolveranse na Casa da torre, petanca, pista da Xunqueira e praza do Concello ademais dos soportais da casa consistorial onde terán lugar as actuacións musicais a cargo de Pulpiño Viascón ás doce do mediodía e coa Turre’s band ás nove da noite.
A programación de sala hoxe xoves déixanos a obra Mans Arriba! Da compañía Lejo chegada dende os Paises Baixos, mentres que mañá a quenda será para o arxentino Sergio Mercurio con “Viejos”. As actuación no Multiúsos son ás 20:00 horas con entrada a 7 euros.