Manifestación en Soutomaior convocada polo BNG
A veciñanza de Soutomaior saía o pasado venres á rúa para protestar ante as carencias do seu centro de saúde, poñendo o acento na necesidade de recuperar o servizo de pediatría logo de 500 días sen esta atención. En Fornelos anuncian mobilizacións tanto este martes 28 ás 14:00 horas á altura de Soutosico como o sábado 1 de xuño ás dez da mañá. Unhas protestas que tamén se vivirán en Pazos de Borbén o vindeiro sábado ás 12:00 horas.
Os recortes nos servizos sanitarios en xeral e no servizo de pediatría en particular está a provocar un enorme malestar entre a cidadanía que ve como se prolongan as listas de agarda, con longas demoras para a atención médica. Unha situación que se está a complicar aínda máis no caso do servizo de pediatría, que está a desaparecer nos centros de saúde nas localidades de menor poboación. É o caso de Fornelos onde anuncian mobilización para demandar ao Sergas a recuperación do pediatra, para non ter que percorrer a distancia que os separa do centro de saúde de Redondela a onde teñen que desprazarse actualmente. Por ese motivo convocan para este martes un mobilización ás dúas da tarde dende a entrada a Soutosico para terminar ás 15:30 diante da escola do concello de Fornelos, Protesta que volverá repetir o sábado 1 ás dez da mañá.
En Pazos de Borbén tamén se dirixiron ao Sergas ante a situación deste servizo e o BNG da localidade convoca “unha gran mobilización en defensa do noso centro de Saúde” de cara ao sábado 1 de xuño ás 12:00 horas para reclamar tamén que os cativos e cativas non teñan que desprazarse a Redondela para seren atendidos por un pediatra.
En Soutomaior, fatos tamén dos recortes en sanidade, saían a rúa este venres nunha protesta que reuniu centos de persoas no centro de Arcade. Lembran os manifestantes que o centro de saúde carece do servizo de pediatría dende hai máis de 500 días o que obriga a pais e nais a levar aos seus fillos a Pontevedra ou a contratar seguro privados. A mobilización, convocada polo BNG, percorreu o casco urbano de Arcade ata o centro de saúde e recolléronse sinaturas para esixir máis recursos en materia sanitaria.