O Concello vén de contratar o proxecto de execución no novo paseo do litoral de Cesantes que suporá un novo espazo de case 4.000 metros cadrados. O ámbito de actuación esténdese desde o porto de Cesantes até o acceso á praia polo Camiño da Mariña. A superficie na que se vai intervir supón un espazo de 3.900 m2 aproximadamente. O prazo de execución é de tres meses, polo que estará rematado este verán.
O Concello de Redondela acaba de contratar a redacción do Proxecto Básico e de Execución dun novo paseo no litoral de cesantes. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que a creación dun paseo polo litoral de Cesantes era un das súas apostas persoais para este mandato que permitirá levar a cabo un proxecto que leva anos de espera transformando o espazo litoral. Malia que o proxecto debería estar en mans do goberno no antes do remate do verán, será tan só o primeiro paso para poder dotar esta zona do litoral dun paseo marítimo que partiría desde a lonxa de Cesantes até a praia da Punta “e permitirá á veciñanza e aos nosos visitantes desprazarse camiñando ou en bicicleta desde o centro da vila até a praia”.
O obxectivo é gañar un novo espazo para a cidadanía, con zonas de lecer e esparexemento cunha mobilidade máis amable, dando prioridade aos peóns. Neste caso de Cesantes ademais, ponse en valor un espazo natural de gran valor ecolóxico, dentro da Rede Natura 2000, e o novo paseo “permitirá conservar e mellorar o patrimonio natural e cultural, e protexer a paisaxe”, engade a alcaldesa.
A praia de Cesantes, o seu paseo marítimo e os espazos agroforestais da zona actúan xa como áreas verdes e dotan de zonas de lecer á cidadanía. O areal e a súa contorna fomentan o ocio ao aire libre e contan cunha zona de arboredo e equipamento de bancos e mesas que supoñen un refuxio climático para a cidadanía. O novo paseo permitirá ampliar os espazos de lecer ao aire libre, ao tempo que preparará este tramo do litoral ante futuros episodios de subidas do nivel do mar.