O proxecto para levar a cabo o arranxo na estrada que da acceso ao barrio de Cortellas desde o Val-Sobral, está á espera unicamente dun informe de Augas de Galicia para saír a licitación nas vindeiras semanas por un valro de 75.000 euros. O vial está afectado dende que o pasado mes de novembro parte do talude natural se viñera abaixo nunha escorredura de terras producida polas riadas.
Desde o momento mesmo do sinistro, o Goberno púxose a traballar para atopar unha solución o antes posible que garantise a seguridade dos transeúntes e a reapertura do tráfico nesta estrada, unha das tres vías de acceso ao barrio de Cortellas. Finalmente os 75.000 euros que custa a actuación correrá a conta de fondos propios xa que, segundo explican dende o goberno local “a Deputación de Pontevedra negouse a asumir esta actuación a través da súa liña de axudas de emerxencia”.
O proxecto foi redactado por ‘ Bercal. Consultoría Ingeniería Medioambiente’, e está á espera de a Augas de Galicia envíe o informe de aprobación definitivo.
O concelleiro de Obras, Pablo Garrido, explicou que a actuación prevista na estrada de Cortellas ten por obxectivo estabilizar o talude coa construción dun muro de dique de 14 metros de lonxitude, 5,5 metros de altura máxima e 1,2 metros de ancho. O Goberno de Soutomaior espera licitar o proxecto nas vindeiras semanas, co obxectivo de poder comezar coas obras canto antes e que a estrada volva estar aberta ao tráfico.