Puenting, mergullo, sendeirismo, marcha nórdica son algunhas das modalidades deportivas que o goberno local de soutomaior organiza de cara ao mes de xuño. A primeira das actividades será o domingo día 2 cunha ruta de sendeirismo pola fervenza do Liñares na Lama cun custe de 8 euros. As persoas interesadas poden inscribirse na páxina web do concello.
Unha ruta de sendeirismo de 15 kilómetros e outra de 8 kilómetros, orientada a público maior de 16 anos, é a primeira das propostas que atopamos nesta programación de deporte aventura que continuará cun curso de marcha nórdica que se prolongará neste caso durante todo o vindeiro mes con citas todos os martes e xoves dende o 4 ao 28 de xuño ás 20:00 horas cun prezo de 35 euros.
Tamén ao longo do mes impartirase un curso de pesca spining en familia no club náutico de Arcade todos os venres a partir do día 7.
Rutas en bicicleta polas Salinas de Ulló, sendeirismo polo Puntal ou unha rutiña fluvial por Comboa e a ponte colgante son outras das propostas que teñen preparadas para o mes de xuño, que pechará cunha xornada de puenting sobre o río Miño. Os máis atrevidos poderán gozar desta actividade que se desenvolverá en Arbo cun prezo de 40 euros para os empadroados en Soutomaior (50 para os que non o estean), mesmo custe que a actividades de mergullo con equipo autónomo que se realizará o 15 de xuño en Pontevedra.