O BNG convoca unha concentración diante do centro de saúde este sábado 1 de xuño as 12:00h en contra da eliminación do servizo de pediatría no centro de saúde de Pazos de Borbén. Unha mobilización que busca amosar o rexeitamento da veciñanza aos recortes nos servizos públicos e reivindicar unha atención primaria con médico e pediatra. Por outra banda, instan ao alcalde a levar ao seguinte pleno unha declaración institucional para unir a todas as forzas políticas do concello na defensa da sanidade.
Os nacionalistas convidan a todos os veciños e veciñas de Pazos de Borbén a que loiten polo seu centro de saúde presentando reclamacións e asistindo ás mobilizacións que se convoquen neste sentido, como a de mañá sábado para defender a sanidade pública no concello.
Dende o BNG solicítase que se dea unha rápida solución e que se repoña de inmediato a pediatra en Pazos, lembran que a final de ano o SERGAS anunciou o reforzo da atención deste centro de saúde cun novo médico “reforzo que a dia de hoxe non se fixo efectivo”. Co obxecto de facer máis forza neste sentido, a formación política presentou unha proposición non de lei no parlamento Galego, para recuperar o servizo de pediatría cun horario amplo que mellore o servizo e facilite a conciliación familiar.