O CD Soutomaior chega á final da Copas Rías Baixas despois de vencer esta fin de semana na semifinal contra o Atlético Cuntis cun resultado de 3 fronte a 2. O Campo Graciano Padín acolleu outro partido emocionante que se suma aos bos resultados do club esta tempada, tendo en conta que conseguiron ascender a Primeira Galicia de forma matemática antes de rematar a tempada.
Dominaron o partido dende o seu comezo e o primeiro gol chegou no minuto 5’. Os goleadores foron Jaime Fernández Rodríguez con dous goles e José Carlos de la Torre. Unha vitoria que permite aos de Calvar facerse un oco na final da II edición Copa Rías Baixas e continuar nunha competición que lles pode dar acceso á Supercopa Galicia.
O domingo 8 de xuño xogan a gran Final contra o Villalonga FC nun campo neutral aínda por determinar. Todo un mérito para o CD Soutomaior que este ano fixo historia ascendendo a Primeira Galicia despois de 30 anos e que pode volver a facela este domingo contra os de Sanxenxo.