O colexio Alexandre Bóveda de Angorén en Chapela celebra ao longo desta semana un programa de actividades que busca por en valor ao político e intelectual galego asasinado no 36 que da nome ao seu centro co gallo do 121 aniversario do seu nacemento. O político Xosé Manuel Beiras será un dos participantes nesta homenaxe cunha charla aberta no propio centro este xoves ás 19:30 horas.
Unhas actividades que arrancaban na xornada de hoxe cun emotivo acto no que participou a familia de Alexandre Bóveda, a súa a filla Amalia e o seu neto Valentín así como representantes do Concello que colabora con esta actividades a través do Servizo de Normalización Lingüística. O obxectivo, segundo nos explica a directora do colexio, Noemí Moreira é “reavivar e relanzar a figura de Bóveda entre o alumnado, un firme defensor dos dereitos da muller e da igualdade”.
Xa pola tarde terá lugar no Multiúsos do Piñeiral do Crego un concerto homenaxe coa Coral do Piñeiral e a coral Polifónica de Pontevedra, dando a coñecer tamén outras facetas de Alexandre Bóveda máis alá do político.
Outra das citas enmarcadas neste programa será a visita do político Xosé Manuel Beiras, amigo da familia e que, en palabras do neto de Bóveda “unha das persoas que mellor poden falar do meu avó”. Será na Biblioteca do Colexio o xoves ás 19:30 horas aberto a quen queira achegarse.
Rematará esta homenaxe o técnico do servizo de Normalización Lingüística, Xurxo Martínez, quen impartirá unha charla sobre os lazos afectivos do galego no ámbito escolar e familiar.
Un programa cuxa elaboración foi “moi ilusionante e froito dun traballo en equipo” segundo explica a directora do Centro quen confía en seguir celebrando todos os anos un aniversario tan especial como é o de Bóveda “para manter o seu legado o a lembranza da súa figura”.