Conchi Martínez, natural de Cesantes, vén de recibir o premio á mellor árbitra internacional no Open de España de Taekwondo celebrado en “La Nucía, Ciudad del Deporte” de Alicante. Nos pavillóns nucieros xuntáronse os mellores deportista desta disciplina, internacionais e nacionais , reunindo a un total de 1.900 deportistas de 40 países e case 60 árbitros de todo o mundo.
Na competición, con ranking olímpico, Conchi Martínez demostrou a súa valía e foi recoñecida polo seu bo facer como árbitra no tapiz. Foi escollida entre os case 60 colexiados de todo o mundo que acudiron á cita como a mellor árbitra internacional, pero este non é o seu primeiro galardón xa que en 2022 recibiu o Premio Nacional á mellor árbitro de técnica de poomsae . Aceptou este segundo recoñecemento no Aberto “con moita ilusión, porque a recompensa chega pasiño a pasiño”, despois de 31 anos de experiencia como árbitra de Tarkwondo a nivel nacional e 2 a nivel internacional.
Forma parte das FIRST (Female International Referees Spanish Team), un equipo conformado exclusivamente por árbitras internacionais de orixe español que en 2007 deciden agruparse co obxectivo de promocionar dentro e fora do territorio o seu traballo. Moitas delas xa participaron nalgunha olimpíada e Conchi ponse como meta seguir o mesmo camiño, pois para ela as súas compañeiras son todo un referente. Como exemplo describe á viguesa María Bautista que estivo nos Xogos Paralímpicos de Tokyo e “a considera a súa mentora”. Comezou viaxando con ela e agora voa soa aos países que ten que visitar.
Nunca pensou que “con case 50 anos ía a estar viaxando tanto e que ía ter tanto recoñecemento”. Explica que este éxito débese a que “os tempos cambiaron e agora as mulleres teñen máis independencia e oportunidades, sobre todo no mundo do deporte” no que houbo unha evolución clara nas últimas tres décadas que leva en activo. Cando comezou a practicar Taekwondo en Redondela ela era a única muller, unha excepción nun deporte de homes.
O seu soño é ser elixida para arbitrar nas olimpíadas de 2028 para o que precisa cumprir varios requisitos. Entre eles o de ter unha experiencia de 4 anos en internacional, da que xa ten dous, e ter arbitrado en todos os continentes. De momento ten pendente ir a Asia, pero cada vez está máis preto. Fai pouco rozou a fronteira arbitrando no Campionato Multigames europeo en Turquía.
Todo isto non sería posible sen a axuda da empresa para a que traballa. É técnica de sala en Máis que Auga Coia e agradece o esforzo que fan para coordinar os seus viaxes coas clases. De non ser así di que sería “imposible”, tendo en conta que ademais os custos de transporte corren do seu peto. As institucións deportivas aínda non teñen reguladas axudas para a súa práctica, algo que na súa opinión “debería cambiar”.
Promete levar a bandeira de Redondela se consegue chegar aos Xogos Olímpicos 2028 que se celebrarán nos Anxos, America. “Sempre levo o meu fogar alí por onde vou, son galega e redondelán”.