Solicitan a dimisión de Digna Rivas por “chegar a esta situación límite cando recibiu un concello coas contas saneadas”. O voceiro do PP, Javier Bas fala dunha situación “desastrosa” produto da “falta de xestión do goberno municipal” que pode derivar na “quebra do concello ou incluso que non se poidan pagar as nónimas dos funcionarios”. Presumen que o goberno local podería recorrer á suba de impostos, como Ibi e lixo, para poder facer fronte a todas estas facturas.
O PP de Redondela alerta da gravidade da situación económica do concello con débedas que superan os 4 millóns de euros e facturas sen pagar dende o ano 2022. A concelleira popular Ana Alonso explica que se chega a este estado nas arcas municipais por varios motivos, entre eles que se estea a traballar cun orzamento prorrogado do ano 2022 que non é realista, a ausencia dunha planificación de gasto, unha falta absoluta de control e o despilfarro continuado por parte dos diferentes departamentos”.
Neste sentido apunta que a débeda máis importante é con Naturgy, por un valor de un millón de euros, pero subliñan que outra parte importante pertence a facturas que lles adebedan a empresas, e provedores locais que teñen faccturas sen cobrar dende o ano 2022.
Aseguran que o Concello non pode facer fronte a esta contía malia que o goberno pretende aprobalo no pleno que se celebra na xornada de mañá. Por ese motivo, para garantir que as empresas locais si reciban o pago dos servizos realizados propoñen dende o PP que se fagan tres bloques. O primeiro englobaría aquelas facturas de empresas locais que cumpren todos os requisitos, un bloque que roldaría os 300.000 euros e que deberían ser abonadas no prazo máis breve posible. Un segundo bloque co resto dos provedores locais e un terceiro no que se agruparían as facturas das empresas maiores.
Ademais das facturas sen pagar critican unha xestión económica que terá outras consecuencias inmediatas como que “o concello non poida solicitar axudas autonómicas, o que se traducirá na perda de dous millóns de euros, e que non van recibir Fondos Edusi –un millón de euros- por non xustificar os proxectos con cargo a fondos europeos ou facelo fora de prazo”.
Alonso alerta que de seguir neste camiño o Concello podería chegar a ser intervido polo Consello de Contas e entrar en quebra.
Unha “mala xestión” que intúen no PP vai traducirse nun incremento de impostos municipais como o IBI ou o lixo.