O Festival Millo Verde arrincaba onte cunha xornada de balde a que acudiron máis de 400 persoas para bailar na carpa situada no merendoiro da Praia de Cesantes. Hoxe a partir das 19:00 horas comeza o groso do festival para o que xa teñen vendidas máis de 1000 entradas e dan por pechada a venta online. Para as persoas que aínda non teñan a súa entrada, poderán comprar as restantes só en billeteira.
O cantautor Antón Ké abrirá ás 19:00 horas da tarde a programación acompañado do seu ukelele e looper. Conta con anos de experiencia facendo composicións propias en lingua galega, con temáticas a prol da nosa cultura, a defensa do medio ambiente e dos dereitos humanos. Estará presente tamén Macheta Supah Sound a partir das 20:15, unha banda creada co obxectivo de levar o afrobeat por todas as salas e festivais do mundo, e Seitura gañadores do concurso de maquetas deste ano que tocarán a partir das 22:00 horas.
My Baby (23:15 horas) é un dos pratos fortes da xornada do sábado. O trío holandés-neozelandés toca danza alternativa e mestura a crueza do rock e o punk, os sons cálidos do roots e do blues, cun toque de EDM e big bea.
Kumpania Algazarra (01:00 horas) chega dende Sintra, inspirados pola enerxía da folia e da boa disposición. Teén na súa música un aglomerado que vai do ska ao folk, do reggae aos sons dos Balcáns, dos ritmos latinos ao funk, e que fai deles unha das máis poderosas brass bands portuguesas. Pecha a sesión de música en directo da xornada Os Vacalouras (02:45 horas), o mítico grupo de punk rock experimental de Teis.
Entre os grupos que actuarán na xornada do sábado, que arrancará ás 12:00 horas, están Brais das Hortas e Michu da Rocha para dar paso xa pola tarde a unha xornada intensa con formacións como Old Time Spooks (18:45 horas), Terra Livre (23:0 horas) La Sra. Tomasa (00:45 horas) ou Dios Ke te Crew encargados de pechar o festival ás 02:15 horas antes da sesión Dj a cargo de Brigada Sound. A banda galega de “explosivo hip hop” volve aos escenarios do Millo Verde para celebrar a xira do seu 20 aniversario, polo que promete ser todo un espectáculo.
Destacan dende a organización o aumento de presenza feminina con músicas como Sun Iuo (17:15 horas), Catuxa Salom (20:00 horas) ou Hafa afrosweet (21:30 horas), entre outros. Sinalan dende a organización que Catuxa Salom “é unha artista galega de raíces arxentinas e unha das voces máis potentes da escena folk electrónica do momento”. O seu directo magnético e vibrante aseguran ritmos de baile.
Dende a organización lembran que a venta online está pechada e que tanto para os abonos restantes como as entradas de día é obrigatorio compralos na billeteira, situada no recinto do festival.