O voluntariado da oficina de Redondela de New Balance achegouse novamente aos Montes do Viso para colaborar na súa mellora. Nesta ocasión realizáronse dúas xornadas de voluntariado de eliminación de acacias, unha especie moi invasora e moi presente en todo o territorio galego.
A primeira das xornadas foi na zona do Puntal a cal forma parte da Rede Natura da Enseada de San Simón. Ata esta localización achegouse un grupo de voluntarias o luns 3 de xuño e actuaron sobre o total dunha parcela lindeira co mar con numerosa presenza da especie. Procedeuse basicamente con arrincado dos individuos xa que estes eran de pequeno tamaño.
Aproveitouse tamén para recoller nunha pequena cala alí existente, o lixo que as mareas foron devolvendo á terra, principalmente plásticos, poliespan, paos de bastoncillos e ata un pneumático e unha nasa.
Na segunda das xornadas, realizada o xoves 6 de xuño, o voluntariado procedeu a traballar no control do avance da acacia negra no entorno do Camiño de Santiago. Asesorados polo presidente da CMVMC do Viso, os voluntarios puxeron en práctica a técnica do descascado da acacia negra. Esta consiste en retirar con navallas ou algún útil cortante a casca todo ao arredor do tronco desta árbore dende a altura do peito ata a base. Ao deixar ao descuberto o tronco da acacia, esta vai secando progresivamente ao longo das seguintes semanas ou mesmo meses. Este é unha metodoloxía respectuosa co medio que pode axudar a dar grandes pasos no control deses bosquetes de acacias que van aparecendo dispersos nos montes da comarca.
Dende a Comunidade de montes Veciñais en Man Común do Viso quérese agradecer novamente o esforzo realizado por New Balance Redondela e a actitude sempre positiva de cara a dar pasos en prol da mellora dos nosos montes.