Restos arqueolóxicos como petróglifos ou o miliario de Santiaguiño de Antas, cemiterios tan peculiares como o camposanto protestante de Trasmañó, edificios singulares, cruceiros, fontes, lavadoiros, pombais ou incluso unha ponte do ferrocarril son algúns dos elementos que o colectivo cultural Alén Nós recolle nunha alegación que presentan ao Plan Xeral e que confían sexa atendida.
Dende a Asociación insisten na necesidade de que se cataloguen todos estes elementos “como xeito de protexelos contra posibles agresións, porque se hai elementos do patrimonio cultural que non son recollidos arriscámonos a que desaparezan ao non haber constancia da súa existencia”, tal e como explicaba Xosé Couñago.
Nun traballado e exhaustivo dossier elaborado polo colectivo van enumerando todos eses elementos ata recompilar todos aqueles que entenden quedaron atrás á hora de elaborar o Plan Xeral “posiblemente por un fallo técnico debido ao elevado patrimonio que existe en Redondela”.
Respondendo as súas diferentes tipoloxías recollen que na área arqueolóxica non aparece no Plan Xeral os Petróglifos da Peneda no Viso ou o miliario romano de Vilar “un símbolo arqueolóxico de Redondela, o único romano que está na vía romana e non nun museo porque os veciños da zona impediron que o levaran do lugar”.
En canto aos cemiterios apuntan que “tan só hai recollidos algún dos existentes esquecéndose o PXOM dos cemiterios de Vilar, Reboreda, Quintela, Cabeiro e Negros. Con todo, o esquecemento maior sería o do cemiterio protestante de inicios do século XX situado na parroquia de Trasmañó e que conserva a súa estrutura, muros de peche completos e algunhas tumbas no seu interior.
Faltan tamén numerosos edificios singulares como o Pazo de Torre Cedeira, edificio do século XVII con reformas de ampliación no século XIX a cargo do arquitecto Michel Pacevich situado no camiño de Santiago.
Tampouco está recollido o edificio modernista da rúa Casto Sampedro (antigo Café Royalty), principal exemplo do modernismo en Redondela ou a Casa O Convento de Agrelo (hoxe escola hípica la Muralla).
No referente ás infraestruturas subliñan sorprendente a non catalogación do camiño tradicional da Peneda, empedrado con cantería tradicional e ben conservado aínda usado actualmente como camiño relixioso polo que soben as persoas ofrecidas, moitas delas de xeonllos, ou a Ponte do ferrocarril situada entre as parroquias de Negros e Saxamonde, unha ponte de 10 arcos e cunha lonxitude duns 150 metros que sería a terceira en importancia de Redondela logo dos viadutos do centro da vila.
Finalmente apuntan que no plan xeral só aparecen catalogados 7 lavadoiros dos 53 existentes e tan só 11 fontes cando hai un total de 142. Conclúen ese percorrido lembrando tamén os pombais, dos que consta a existencia de 7 tradicionais rexistrados e tan só 2 estarían recollidos no PXOM.
Confían en que todos estes erros sexan subsanados e garantir que estes case 300 elementos do patrimonio local quede convintemente recollidos no Plan Xeral.