Os nacionalistas levarán estas sinaturas ao parlamento e esixen que a Xunta dote con máis persoal e recursos o centro de saúde de Arcade. Entre as demandas máis salientables está a de recuperar o servizo de pediatría, do que carecen dende hai ano e medio.
O BNG de Soutomaior puxo remate este martes á súa campaña de recollida de sinaturas para esixir a fin dos recortes do PP na sanidade pública no concello. En total foron medio milleiro os veciños e veciñas que se sumaron a esta iniciativa, coa que o BNG esixirá á Xunta que cumpra co prometido na reunión do pasado mes de xullo entre o xerente da área sanitaria de Pontevedra, José Flores, e o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo. Nesta reunión, a Xunta comprometeuse a poñer un médico máis no centro de saúde de Arcade co comezo de 2024, algo que en xuño deste ano aínda non se cumpriu.
Ademais, a recollida de firmas tamén responde á dramática situación no servizo de Pediatría do centro de saúde. Soutomaior leva sen contar cun ou cunha pediatra máis de ano e medio, despois de que a Xunta decidise non cubrir a baixa de longa duración da anterior facultativa. Isto obriga aos pais e nais a levar aos seus pequenos enfermos a Pontevedra para ser atendidos ou a contratar seguros privados, xerando un evidente sesgo con quen non ten os recursos económicos para acceder a estas alternativas.
O responsable local do BNG, José Costas, anunciou que o BNG levará ao Parlamento galego estas sinaturas nas vindeiras semanas.