Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As praias de Cesantes e Arealonga contarán con servizo de socorristas e limpeza diaria durante tres meses

cesantes

Redondela inaugura esta fin de semana a temporada de praias coa posta en marcha do servizo de socorristas, que estará en funcionamento dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro. Tamén se retoma a limpeza diaria dos areais que inclúen por primeira vez a praia dos Penedos, en Chapela mentres que as praias de Soutoxuste e Rande limparanse tres días á semana.

A partir de 15 de xuño e ata o 15 de setembro os areais da praia da Punta, en Cesantes, e de Arealonga, e Chapela, contarán con socorristas e servizo de limpeza todos os días. Os traballos inclúen tamén os paseos de Cesantes, Jesús Durán Troncoso e Cardona, os accesos, aparcadoiros, zonas verdes e espazos de xogos adxacentes. Por primeira vez a praia dos Penedos, en Chapela, tamén terá limpeza diaria, e amplíanse os días de limpeza en Soutoxuste e Rande, con tres días á semana, e na praia de Cabanas, en Trasmañó, dous días á semana.

A concelleira de Medio Ambiente, Pilar Martínez, destaca que este ano “comezamos moito antes esta campaña de limpeza para garantir que os areais e a súa contorna estean limpos e en perfectas condicións para o uso da veciñanza”. As labores realizaranse tendo en conta a conservación do medio natural, “sen afectar ao equilibrio ecolóxico das praias e respectando sempre a fauna e flora da contorna”. No caso das algas mariñas, argazos e restos vexetais, a retirada será “de xeito manual e de acordo coa normativa vixente, xa que son compoñentes naturais do ecosistema mariño”. Estes traballos na temporada de verán súmanse ás tarefas de mantemento que durante todo o ano se realizan nos areais. Ao longo do inverno e na primavera fixéronse limpezas para retirar o lixo arrastrado polos temporais, e puxéronse a punto os paseos e o mobiliario urbano “que resultaron moi danados polos temporais deste inverno” explica Martínez.

Servizo de Socorristas nas praias de Arealonga e Cesantes

O servizo de socorrismo e salvamento estará operativo nas praias de Arealonga e Cesantes. Os socorristas estarán nos areais os tres meses de verán, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, todos os días, incluídos festivos, en horario continuado, de 12:00 a 20:00 horas. A alcaldesa, Digna Rivas, destaca o esforzo que se fai desde o Concello para que este servizo estea operativo xa a mediados de xuño “adiantándonos á temporada alta de verán para que a veciñanza poida gozar das nosas praias nas mellores condicións e con total seguridade ”.

O servizo inclúe tamén dúas cadeiras anfibias que estarán dispoñibles para favorecer que as persoas con mobilidade reducida poidan gozar dos nosos areais e do baño con todas as comodidades e garantías. O persoal do servizo de socorrismo asistirá ás persoas que o precisen tanto para o acceso á praia como á zona de baño.

As funcións de vixilancia e salvamento con embarcacións “farase por toda a zona de costa de Redondela, tanto nas áreas de Arealonga e Cesantes como en Cabanas, Rande e Penedos”, explica Rivas. O servizo contará con dúas embarcacións, polo que unha terá a súa base na zona de Chapela e a outra na zona de Cesantes “e realizarán de labores de vixilancia ao longo de toda a zona costeira próxima as praias, de maneira coordinada”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará