Non é a primeira vez nin tampouco un caso illado. O servizo de parques e xardíns de Redondela asegura que se trata dunha práctica reiterada que afecta a diferentes lugares da vila. Así, as zonas axardinadas da rúa Ernestina Otero ou as Casas dos Mestres son obxecto destes roubos que deixan as xardineiras baleiras de flores e plantas ornamentais. Uns actos vandálicos que teñen tamén a súa consecuencia económica. Dende o goberno piden colaboración para denunciar estas actitudes incívicas.
O Concello de Redondela quere expresar a súa preocupación ante estes feitos, lamentando que siga habendo xente incívica que continúe arrincando as especies vexetais e deslucindo as nosas rúas. A pesar do esforzo que supón repor as plantas, esforzo tanto económico como de traballo por parte do persoal de Parques e Xardíns, cada día aparecen novos ocos nas macetas e xardineiras. Por iso, desde o Concello quérese facer un chamamento “á educación e ao respecto polo que é de todos e todas”. As plantas son tamén parte do patrimonio municipal e merecen ser coidadas e protexidas como calquera outro ben do espazo público. Desde o departamento de Parques e Xardíns pídese a colaboración da veciñanza, xa que estes actos supoñen “unha gran perda non só para o Concello, senón para toda a cidadanía que quere gozar dos recunchos tan bonitos que temos”. Desde o Concello espérase contar coa colaboración da poboación para preservar a beleza da nosa vila.