O pleno de Soutomaior acordou levar a cabo un informe por parte dos servizos técnicos municipais das contas e actividades da antiga agrupación de Protección Civil. Entre as irregularidades detectadas estaba a desaparición dunha moto pertencente á frota municipal que vén de ser recuperada logo de estar en paradoiro descoñecido dende o 2020.
O goberno local vén de recuperar unha moto pertencente á frota municipal e que estaba cedida á anterior agrupación de Protección Civil. O vehículo levaba desaparecido desde 2020 e malia que no inventario facilitado polos anteriores responsables da agrupación non constaba o vehículo “nestes catro anos o Concello de Soutomaior seguiu facendo fronte ao pago do seguro da moto”.
Unha vez o pleno de Soutomaior acordou levar a cabo un informe por parte dos servizos técnicos municipais das contas e actividades da antiga agrupación de Protección Civil, apareceron tamén facturas do arranxo deste vehículo que “foran asinadas polo responsable dese departamento naquel momento e actual concelleiro do Partido Popular, Carlos Bas”.
Ante esta situación irregular, o Concello presentou unha denuncia ante a Garda Civil pola desaparición da moto que foi localizada finalmente nun taller de compra-venta de vehículos no concello de Barro.
Dende o goberno local anuncian que “a fiscalización e a investigación aprobadas polo pleno de Soutomaior seguirán co obxectivo de salvagardar os recursos e patrimonio municipal e depurar responsabilidades”. Neste sentido o concelleiro de Interior, Diego Moreira, sinala que “a esta situación irregular relacionada coa anterior agrupación de Protección Civil súmanse outras, como a causa prexudicial aberta polo sobrecusto en determinadas facturas de produtos, como desengrasante subministrados pola empresa Proviserv Ecological á anterior agrupación.
Pola súa parte, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu á Garda Civil o traballo para a recuperación desta moto pertencente á frota municipal e sinalou que “a inclusión de Soutomaior na Agrupación Oitavén-Tea é un gran exemplo dunha xestión eficiente dos recursos de todos os veciños e veciñas. Grazas a esta decisión, Soutomaior aforra anualmente uns 12.000 euros en Protección Civil e a veciñanza recibe un servizo no que o diñeiro e os recursos dos nosos veciños e veciñas están fiscalizados con rigor e seriedade”.