A moción presentada polo PP na que solicitaban que o prazo se incrementara un mes e medio para dar maior tempo á veciñanza a que coñeza a situación na que quedas as súas propiedades e presentar as alegacións oportunas non saíu adiante. A proposta foi rexeitada no último pleno municipal ao votar en contra o resto dos partidos políticos –PSOE, AER e BNG- por entender que non sería legal dita ampliación e argumentando que “o concello xa estableceu o período máximo de consulta permitido ata os tres meses”. Neste período a oficina técnica atendeu as dúbidas de preto de 1.400 veciños e veciñas. Ata o próximo venres a oficina seguirá aberta na rúa Reveriano Soutullo.
O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Redondela está na recta final da súa exposición pública. O prazo, que comezou hai tres meses, remata o próximo 21 de xuño. A día de hoxe a oficina técnica de información atendeu a 1.350 veciños e veciñas que puideron facer as súas consultas e recibir asesoramento. Ata o próximo venres a oficina seguirá aberta na rúa Reveriano Soutullo, en horario de 14.00 a 20.30 horas mañá mércores, e de 8.30 a 14.30 o xoves e o venres.
O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, sinala que o Plan Xeral de Ordenación Municipal é un documento moi complexo, por iso desde o goberno local fíxose un gran esforzo “para poñer a disposición da veciñanza todos os recursos posibles e que coñezan o plan, que teñan toda a información e poidan facer as súas alegacións” ampliando o prazo de exposición ata tres meses que é o máximo que permite a Lei do Solo de Galicia, e facendo ademais un novo contrato para atender ao público na oficina técnica todos os días da semana”.
Outra mellora foi a contratación dun visor dixital na páxina web do Concello, onde se poden buscar as parcelas de todo o municipio “dun xeito cómodo e cun funcionamento sinxelo e intuitivo”. Cumprindo co compromiso da alcaldesa, Digna Rivas, tamén se realizaron reunións informativas en todas as parroquias, que non estaban contempladas no anterior contrato, “para informar aos veciños de como o PXOM afecta a cada parroquia”.