Hoxe é Sábado 29 de Xuño de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un punto limpo itinerante para animar a reciclar a separar os residuos

punto mobil reciclaxe

Redondela estrea un punto limpo móbil que percorrerá  as parroquias do noso Concello para facilitar á veciñanza a reciclaxe do lixo que non pode depositarse nos colectores comúns. O obxectivo é incrementar a reciclaxe de pequenos electrodomésticos, material informático, pilas e baterías, móbiles ou tabletas, cargadores, xoguetes, aerosois ou botes de pintura, entre outros residuos.

A Concellaría de Infraestruturas e Sostibilidade vén de poñer en marcha un novo servizo para a veciñanza cun punto limpo móbil que percorrerá as parroquias do municipio. O obxectivo deste novo servizo é “facilitar á veciñanza a reciclaxe de diferentes tipos de lixo que non debe de ir aos colectores da rúa”, explica o concelleiro Roberto Villar.

Os residuos que se poden depositar neste espazo son aceite de cociña usado, cartuchos e tóner impresora, radiografías, lámpadas e fluorescentes, CDs e DVDs, cápsulas de café, cargadores e auriculares, pilas e baterías, material de escritura, móbiles e tabletas, material informático, aerosois e envases de pintura, plásticos que non sexan envases, xoguetes ou pezas de téxtil, entre outros.

O punto limpo móbil colocouse esta mañá diante da Casa do Concello, onde permanecera durante dúas semanas. Despois trasladarase ás parroquias. A partir do luns 8 de xullo estará en Chapela, no aparcadoiro público da rúa Manuel Rodríguez Casal (supermercado Froiz). Cada semana instalarase nun lugar distinto, que se anunciará por medio das redes sociais do Concello, e tamén na web municipal www.redondela.gal.

Para que a recollida sexa eficaz “é importante separar ben os residuos, polo que en caso de dúbida é mellor consultar nos teléfonos de información”, sinala Villar.

Na presentación deste novo servizo participaron, xunto a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de de Infraestruturas e Sostibilidade, o delegado provincial de Urbaser, Gustavo Villasuso, Pablo Loureiro, representante da empresa provedora, e Antonio Viaño, responsable do servizo en Redondela.

Minipuntos Limpos

Este punto limpo móbil únese aos seis “minipuntos” que xa existen desde hai anos en diferentes rúas de Redondela e Chapela. Estes espazos para reciclar pequenos obxectos como cartuchos, lámpadas, cargadores, pilas ou baterías, están instalados nas rúas Alfonso XII, Ernestina Otero, Ribeira e Santa Mariña de Redondela, e na avenida de Redondela e avenidada de Vigo en Chapela.

Para residuos máis voluminosos como mobles, colchóns ou electrodomésticos, xa existe un servizo de recollida “porta a porta” cun sistema moi sinxelo para os usuarios. Tan só é preciso contactar con Urbaser no teléfono 986 388 111, en horario de 9 a 14 horas, e se lle informará do día e lugar no que pode depositar estes residuos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará