Hoxe é Luns 1 de Xullo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Colectivos parroquiais amosan o seu descontento cun PXOM que consideran “inxusto”

concentración

Ao redor dun cento de persoas déronse cita ás portas do Multiusos da Xunqueira na tarde de hoxe para amosar a súa discoformidade cun Plan Xeral que aseguran “esquécese das parroquias” impedindo o seu desenvolvemento, reducindo ao mínimo  as posibilidades de crecemento residencial e inclinándose por un modelo territorial que entende que Redondela está formado por tres grandes nucleos (Chapela, centro urbano de Redondela e Cesantes) relegando o resto do territorio.

Representantes da Asociación de veciños de Cedeira, O Viso, Vilar, Quintela, a Asociación cultural Alén Nós ou a Plataforma en defensa da Enseada de San Simón son algúns dos colectivos que secundaron unha protesta da que se descolgou a Asociación de Veciños de Chapela por entender que o obxectivo da mesma era tombar un plan moi necesario para Redondela.

Negaban esta afirmación os convocantes quen insisten en que o motivo da concentración era facerse escoitar e amosar a súa disconformidade cun Plan Xeral que non tivo en conta ás parroquias e que supón perder “unha gran oportunidade que defina que se pretende que sexa Redondela”.

Aseguran neste sentido que os redactores do Plan non coñecen o territorio “feito que queda máis que patente cando se observa que os límites parroquiais recollidos no mesmo non se  corresponden coa realidade”.

Unha das cuestión máis criticadas é que non se dote ás parroquias de solo edificable o que se traduce nun aumento considerable da especulación o que obrigará a veciñanza a marchar cara outros concellos “que si apostan pola posta no mercado de máis solo edificable que o noso”.

Carlos Falagán, Cedeira

Explicaba por exemplo o caso de Cedeira “hai muito solo rústico que ten todos os servizos e infraestruturas co cal podería integrarse perfectamente o seu crecemento residencial”.

Tamén os veciños de Vilar asistían a este protesta recalcando a complicada situación da parroquia afectada principalmente polo aeroporto así como por outras infraestruturas e cuxa situación pode empeorar ao incluirse no plan tres micropolígonos.

Rita Iglesias, Asociación de veciños de Vilar

Insisten os manifestantes en que un dos grandes problemas deste plan xeral é que parte de datos erróneos: unha cartografía desfasada, non aparecen as traídas de augas o que pode facer variar a cualificación dun solo entre Urbano ou non urbano e un descoñecemento xeral da territorio e a idiosincrasia das súas parroquias.

Insisten en que o pleno non debía ter aprobado inicialmente esta Plan “que levaba no caixón varios anos e que non se actualizou” e no que falta tamén protección específica para espazos naturais como poida ser a Enseada de San Simón “na documentación do Plan non se presenta a avaliación de repercusións na Rede Natura 2000”.

En relación ao patrimonio cultural do municipio subliñan que “se detecta a falta de inclusión no catálogo de máis de 300 elementos susceptibles de ser catalogados polo Plan con maior ou menor grao de protección”. feito que puxeron de manifesto dende o colectivo Alén Nós.

Andrés Laxe, Alén Nós

Finalmente os colectivos insisten en que a protesta non ía contra ningún partido político “estamos en contra de que non nos quixeron escoitar en todo este tempo”.

Unha protesta que rematou co inicio do pleno que arrancaba ás 20:30 horas no auditorio do Multiúsos.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará