Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A música de Sés e o Entroido de Verán, pratos fortes da programación festiva de Redondela

programación cultura

A programación estival inclúe concertos, o Festival de Artistas de Rúa e o Entroido de Verán con actividades que se desenvolverán en diversos escenarios tanto no centro de Redondela como en Chapela ou no Carballo das Cen Pólas en Reboreda. En xullo o concerto de Sés para celebrar o Día de Galicia será unha das propostas máis esperadas, mentres que en agosto as citas principais serán o Festival de Artistas de Rúa o día 2 e o Entroido de Verán o 24 de agosto.

A programación comeza o 12 de xullo en Chapela co concerto de Crónicas Pop na Alameda Rosalía de Castro ás 22.00 horas. O sábado 13 será a quenda do artista redondelá Alberto Vilas, co seu traballo “Once cancións e unha danza” nun concerto no Carballo das Cen Pólas no que contará coa colaboración de Cristina Suárez. O domingo día 14 o protagonismo será para a música tradicional co concerto de Abeleiras na Praza da Casa da Torre.

Os amantes do blues teñen unha cita o venres 19 de xullo co Retroblues+Jay&The Smoking Machines na Praza da Torre ás 22.00. A cita o sábado 20 será en Chapela co XXVIII Festival de Bandas de Música na Alameda Rosalía de Castro.

Na véspera do Día de Galicia, o 24 de xullo, o campo da feira de Redondela acollerá os concertos de Airiños da Peneda e a Banda Artística de Arcade desde as 22.00 horas. O día grande, o 25 de xullo, o protagonismo será para a cantautora galega Sés cun concerto no paseo marítimo de Chapela ás 22.00 horas. O mes de xullo despedirase con música folk por partida dobre: o 27 de xullo co XII Festival Folk Illa de San Simón no paseo da praia de Cesantes desde as 20.00 horas, e os días 27 e 28 de xullo co Entro Folclórico de Reboreda no torreiro da parroquia.

O mes de agosto abrímolo o día 2 con moita animación polas rúas e prazas de Redondela co XXV Festival de Artistas de Rúa desde as 19.30 horas. O sábado día 3 o paseo marítimo de Chapela acolle o XI Berete Rock desde as 20.30 horas. En Chapela continuará a programación o día 9 con Airiños do Mar de Teis, que actuarán na Alameda Rosalía de Castro ás 22.00 horas. Outras propostas para o mes de agosto son o concerto de Only Cash o día 10 na praza da Torre, Supersonic o día 23 na Alameda de Chapela e a Rondalla de Redondela que pechará a programación de verán co seu tradicional concerto na praza da Torre. Outro dos pratos fortes do mes de agosto será o Entroido de Verán, que celebra a súa XXV edición o 24 de agosto.

A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, e a alcaldesa Digna Rivas, salientaron na presentación desta programación de verán “o protagonismo dos artistas locais, así como grupos e solistas de recoñecido prestixio” así como o feito de que os concertos se celebraren en diferentes localizacións do municipio “para que a oferta cultural chegue ás distintas parroquias”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará