Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O escritor e xornalista Ramón Vilar gaña o VII Premio de Xornalismo Lueiro Rey

ramón vilar

O xurado recoñeceu por unanimidade o artigo titulado A veciña do segundo por “transmitir dende a emoción a relevancia que as persoas maiores teñen na comunidade”. O Premio entregarase o vindeiro día 23 de xuño, ás 12.00 horas, nun acto que terá lugar no Multiusos de Fornelos de Montes. A entrega do galardón contará coa actuación musical de Crúas.

Ramón Vilar fíxose co premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey cun artigo no que reflexiona sobre o valor das persoas maiores na sociedade. O xurado do galardón do Concello de Fornelos, composto polo crítico literario Ramón Rozas, o tradutor e escritor Ramón Nicolás e a xornalista Carme Vidal, ademais da coordinadora do certame, Carmen Carreiro, escolleu por unanimidade o texto, titulado A veciña do segundo.

Segundo o fallo, o recoñecemento chegoulle por “transmitir, desde a emoción e a homenaxe, a relevancia que as persoas maiores teñen na comunidade, e o moito que poden achegar ás xeracións máis novas, en primeiro lugar, o seu cariño e xenerosidade”. Ramón Vilar explora o tema “desde o cotián, desde os sentimentos, reparando en persoas que están ao noso arredor e, moitas veces, pasan case inadvertidas, mais elas están atentas e coidan a quen ten a sorte de convivir con elas”.

Ramón Vilar Landeira (Rodís, Cerceda, 1973) é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Leva a maior parte da súa vida laboral vinculado ao mundo do xornalismo.

Traballou como redactor en La Voz de Galicia e no Faro de Vigo e dirixiu o diario dixital Vieiros. Coordinou proxectos relacionados coa comunicación, a cultura e o mundo educativo. No ámbito literario, publicou o libro de relatos Os televisores estrábicos (Xerais 2014) e Un peixe no parqué (Xerais 2019).

O VII Premio de Xornalismo Lueiro Rey entregarase o vindeiro día 23 de xuño, ás 12.00 horas, nun acto que terá lugar no Multiusos de Fornelos de Montes. A entrega do galardón contará coa actuación musical de Crúas.

O Lueiro Rey de Xornalismo, que recoñece artigos de carácter divulgativo ou de opinión no ámbito da denuncia social, está dotado con 1.000 euros. En anteriores edicións recibírono, entre outros, Míriam Ferradáns, Ismael Ramos, Montse Fajardo e Mario Regueira.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará