Alén Nós dá ao Concello un mes de prazo para substituír os pictogramas que actualmente se atopan en dependencias municipais e que, segundo denuncian, incumpren a normativa ao estaren rotulados en galego e castelán. A advertencia chega logo de que o pleno municipal aprobase -cos votos a favor de PP e AER e os votos en contra de PSOE e BNG- substituir a actual sinaléctica por outros pictogramas que si cumpran a ordenanza de uso do galego, é dicir, que non empreguen textos en castelan.
A moción, debatida no último pleno municipal, saíu aprobada ao votar a favor PP e AER. Con todo, tanto PSOE como BNG votaron en contra argumentando que eses textos que acompañan aos pictogramas, e que no caso de Redondela aparecen en galego e en castelán, son moi necesarios para que persoas con diferentes discapacidades poidan realizar xestións ou acceder a determinados espazos.
A Agrupación de Electores era a encargada de dar voz a esta moción presentada por Alén Nós. Insistían en que esta polémica chega a pleno logo de “meses solicitando que o Concello cumprise a súa propia normativa en materia lingüística, na que se establece que os pictogramas deben estar escritos exclusivamente en galego”. Unha reclamación que é secundada por un informe emitido dende o propio servizo de Normalización do Concello.
O BNG aseguraba compartir con Alén Nós a preocupación polos continuos incumprimentos por parte do Concello en materia de normalización lingüística, cuestión que lle afeaba a alcaldesa, Digna Rivas.
Con todo, defendía o nacionalista Xoán Carlos González os pictogramas que a día de hoxe identifican os edificios municipais. Asegura que o texto que acompaña a este debuxos facilita que as persoas con determinadas dificultades poidan comunicarse “persoas que en moitos casos teñen como lingua materna o castelán”.
Dende o PSOE explicaban que este programa de pictogramas naceu dende a Asociación Andaina. Lembraba a socialista Iria Vilaboa que estas imaxes van acompañados de texto bilingüe porque “o idioma vehicular da maior parte das persoas con diversidade funcional é o español” e que esta rotulación en castelán é unha excepcionalidade que está contemplada na propia normativa lingüística “co obxecto de non discriminar a aquelas persoas que polas súas necesidades precisan de sistemas alternativos de comunicación”.
Os populares apoiaban esta moción “xa que basicamente o que se pide é que se cumpra a normativa” e criticaban que dende o concello estase incumprindo a normativa do galego constantemente
Pechaba o debate o edil de AER lembrando que no caso de que no prazo dun mes non se cumpra o acordado na moción, o tema acabará nos tribunais.
Si se aprobou por unanimidade instar a empresa responsable do tren turístico a subtituir a súa sinaléctica e publicidade por outra que estea en lingua galega.