A proba celebrarase o sábado ás 16:15 horas e contará coa participación de doce clubs pertencentes á LGT-A. Previamente disputarase a II Bandeira Feminina Cesantes-Concello de Redondela encargada de inaugurar a tempada e na que participarán unhas 130 remeiras dos setes clubs da liga entre os que se atopan as anfitrioas do Cesantes.
A enseada de San Simón acolle esta fin de semana a II Bandeira Feminina Cesantes-Concello de Redondela e a XXXIX Bandeira Concello de Redondela da LGT-A. Será o sábado, 6 de xullo, no peirao de Cesantes. Ás 15.45 horas disputarase a II Bandeira Feminina Cesantes-Concello, xornada inaugural da temporada na que participarán unhas 130 remeiras dos sete clubs da liga: Mugardos-A Cabana, CR Rianxo, Salgado-Perillo, CM Castropol, CR Cabo da Cruz e os redondeláns CR Chapela-Wofco e Cesantes-Amegrove-Cefycal como anfitrión.
A proba masculina da LGT-A contará tamén con doce clubs en competición para disputar a que é a segunda bandeira da temporada. Participarán máis de 220 remeiros de Samertolameu-Fandicosta, Tirán-Pereira, Urme, Mecos, Mugardos-A Cabana, Ares, Cabo da Cruz, Castropol, Club de Remo Narón e os barcos redondeláns do Chapela-Wofco e os anfitrión Cesantes-Rodavigo. Entre as dúas bandeiras repartirán 15.000 euros en premios, 6.000 euros no caso da II Bandeira Feminina Cesantes-Concello de Redondela e 9.000 euros na XXXIX Bandeira Concello de Redondela da LGT-A.
Os participantes en ambas probas farán fronte a un percorrido de tres millas náuticas, algo máis de 5.500 metros, que estarán repartidos en seis longos.
As bandeiras presentáronse en Cesantes nun acto no que participou o concelleiro de Deportes, Iván Valles, a edil de Turismo Rita Pérez e o presidente do CCD Cesantes Jorge Rodríguez quen salientou a expectación que esperta a regata inaugural da Liga Galega de Traiñeiras e confía en que a cita sexa “todo un éxito tanto a nivel deportivo como de público”.