Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O KiteFest consolida Cesantes como lugar de referencia do kite nacional

450322965_1030122199121447_1043725898386373469_n

Foto de Pablo Saa

O KiteFest Cesantes Trofeo Xunta de Galicia celebrou este domingo na praia de Cesantes a última das tres xornadas que durou a competición. A cita organizada polo TMKiteclub e o Concello de Redondela congregou a un bo número de afeccionados e curiosos e a case 90 riders de toda España para competir na nosa enseada. 

Este deporte depende moito das condicións meteorolóxicas e ata o ultimo momento non podían definir a zona exacta da competición. Con vento do norte que baixaba e subía de intensidade, o campo de regatas situouse ao norte da illa de San Simón, cara a Vilaboa.  Twintip e Surf, divisións que necesitan moito máis vento e máis estable que Foil, foron as primeiras en saír á auga, cun total de catro probas completadas.

Con 50 riders rexistrados, a categoría máis numerosa este ano foi Twintip. Dous riders do club organizador TMKiteClub, Alberto López e Antonio Fernández, remataron á cabeza e empatados a seis puntos, decantándose a balanza polo primeiro ao ter máis vitorias parciais. O malagueño Rafa Montero completou o podio absoluto levando o bronce.

Dende a organización do club destacan que “Patri Suárez (RCN de Vigo) demostrou coñecer ben o campo de regatas da enseada de San Simón e subiuse ao máis alto do podio feminino de Twintip –ademais de ser cuarta en Kite Foil absoluto”. Pola súa banda, Beira Vázquez repite a segunda praza do ano pasado mentres que Alejandra Suárez (MRCY Baiona) rematou terceira.

Na división Surf,  disciplina que utiliza cometa con táboa de surf, competiron un total de 11 riders con Javier López como gañador indiscutible. Nas catro probas disputadas o domingo cruzou a liña de meta en primeiro lugar, non dando opción aos seus rivais. Francisco Costas, con nove puntos, termina segundo a pouca distancia do alxecireño Fonsy Delgado, quen empatou a 10 puntos co cuarto, Iván M. Fernández.

A clase Wingfoil,  que implica una á inchable e táboa con foil, sumou tres probas que se  disputaron xa con menos vento e que supuxo tres vitorias para Ignacio Fernández. Con estes resultados o rider do RCN Rodeira proclamouse vencedor desta sétima edición na súa categoría. Con dous terceiros, Miguel Castelao logrou manter a prata mentres que Platón Kuzmenko arrebatou o bronce ao seu pai Antón, que finalizou cuarto.

En Kite Foil, o primeiro posto foi para Xusto Fernández (seis regatas, seis vitorias), seguido de Lucas Muller (prata) e Iván M. Fernández (bronce).

Ademais das probas de formato regata o domingo tamén houbo competición de Big Air, saltos que o público puido gozar desde a praia. Javier Hernández, ⁠Antonio “Patxi” Fernández Beloso e ⁠Alejandro Viñas foron os que saltaron máis alto.

En Freestyle o podio desta sétima edición quedaba definido polo  subcampión mundial sub-19 Rafa Montero (rider de Eleveight) no máis alto, seguido de Xusto Fernández (Duotone) e Alberto López (Eleveight).

A entrega de trofeos tivo lugar ás 20:00 horas e puxo o punto e final a esta sétima edición reunindo a todas e todos os premiados, aos que se sumaron os campións da Crazy Race celebrada o venres: David Marín e Alberto López, de Eleveight kites.

Ao acto de entrega asistiron, entre outras autoridades, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Fernando Abeijón, secretario territorial da Xunta de Galicia en Vigo; Sandra Bastos, deputada de Benestar Social e Igualdade da Deputación Pontevedra; José Miguel Martín, director de oficina de ABANCA; Bibi Táboas en representación de Elena Pérez Canle, directora de márketing de Aceites Abril; e Ricardo González, vicepresidente do TMKiteClub.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará