Con estes recursos, procedentes dos fondos NextGeneratión da Unión Europea, impulsaranse actuacións de iluminación neste Ben de Interese Cultural e mellorarase a accesibilidade na Torre da Homenaxe. Este investimento permitirá tamén introducir as novas tecnoloxías de realidade virtual e optimizar a experiencia de visita do castelo.
Nestes momentos é preciso levar a cabo reformas nas instalacións eléctricas e iluminación do recinto que quedaron obsoletas co paso do tempo. Deste xeito, cos recursos de Europa disporanse de instalacións de iluminación e eléctricas axeitadas, máis eficientes, de coidada estética, uniformes, integradas de xeito respectuoso co espazo histórico e encamiñadas a ofrecer un espazo de calidade para os visitantes. A nova iluminación permitirá poñer en alza o valor histórico, arquitectónico, artístico, paisaxístico e cultural do conxunto histórico, permitindo unha lectura xeral do conxunto e a mellor visibilidade do monumento, así como garantindo un tránsito seguro na súa contorna e a posible realización de visitas nocturnas.
Ademais, co financiamento europeo tamén se vai actuar na mellora da accesibilidade na Torre de Homenaxe, substituíndo a escaleira de caracol que se atopa na actualidade no recinto por outra de mellores prestacións. Esta nova estrutura respectará o valor patrimonial da torre e adaptarase á normativa vixente en materia de funcionalidade, seguridade e accesibilidade
Finalmente, os recursos da Unión Europea van permitir incorporar ao Castelo de Soutomaior tecnoloxías de vangarda que posibilitarán realizar a través de dispositivos móbiles e ordenadores un percorrido virtual tanto do recinto como dos seus xardíns mediante a realidade virtual e contidos de inmersión. Esta nova posibilidade de coñecer este espazo de xeito único e accesible permitirá atraer a un público moito máis amplo que poida estar interesado en coñecer o destino Rías Baixas, así como servir como introdución ou preparación dunha visita presencial.