Fai 12 anos que a avespa velutina chegou a Galicia. Só no ano 2023 rexistráronse 56.600 avisos e a Xunta retirou, a través de Seaga, máis de 29.500 niños. Segundo os últimos datos facilitados pola máxima autoridade galega, estes avisos reducíronse un 60 % este ano dando a entender unha evolución positiva no control desta praga.
As entidades retomaron a campaña de trampeo coa época estival e tamén no noso municipio. O SEIS de Redondela sinala unha baixa incidencia e chamadas por novos niños debido ao mal tempo que arrastramos dende hai meses, pero advirte que isto pode variar coa chega da calor.
A técnica do trampeo para eliminar os niños da velutina reduciu nun 40% a reprodución desta especie. Esta práctica, que comezou a implementarse hai 4 anos en Redondela, está a cargo de Aarón Fernández e Jonathan Martínez, xefes de quenda do SEIS Servizo de Extinción de Incendios Concello de Redondela. Aaron explica que o plan de control que comezaron no 2020 “consiste na colocación de trampas específicas pero dándolle importancia ás zonas onde se deben implantar e a tempada, sendo importante adiantarse ao verán para eliminar ás raíñas”.
Dende o SEIS recomendan facer un trampeo caseiro “de forma prudente e selectiva para non afecta ás especies autóctonas”. Non ven ideal que a veciñanza tome a iniciativa, porque pode ser “contraproducente”.
As zonas do municipio onde rexistraron maior incidencia son aquelas con grandes extensións de arborada, polo tanto sinalan a Trasmañó, Cedeira e Quintela como as parroquias máis afectadas e onde se detectaron maior número de niños.
O protocolo a seguir pola veciñanza cando se atopa cun niño pasa por “dar aviso ao Concello de Redondela e é este o que se encarga de contactar co SEIS” . Este método pretende facer un filtrado inicial a través da Concellaría de Medio Ambiente para determinar o tipo de niño e poder actuar con maior coñecemento e celeridade.
Quedan á espera de que sexa un ano tranquilo xa que pouco a pouco van controlando a especie, aínda que o principal é minimizar os riscos porque de momento non hai un mecanismos de erradicación ou método efectivo para a eliminación completa da invasión destas avespas asiáticas.