Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela, capital do remo esta fin de semana

Bandeiras Chapela

O paseo de Cardona, en Chapela, recibe este sábado todas as embarcacións da Liga Galega de Traiñeiras. En total 25 traiñeiras e uns 450 remeiros e remeiras daranse cita en augas de Arealonga para disputar a IX Bandeira Feminina Concello de Redondela e a V Bandeira Chapela Concello de Redondela da Liga A, organizadas polo Club de Remo Chapela coa colaboración do Concello, ás que hai que engadir a II Bandeira Chapela Wofco da Liga B.

Unha cita que supón todo un privilexio, en palabras da alcaldesa, Digna Rivas, quen sinalou que “a presenza de todos os clubs de Galicia no paseo de Cardona aseguran que esta fin de seama se vivirá en Chapela todo un espectáculo”. O concelleiro de Deportes, Iván Valles, salientou tamén que Redondela é “o único municipio de Galicia que compite en todas as categorías da liga Galega de Traiñeiras, e o que conta con máis embarcacións, cun total de 5 traiñeiras entre os clubs de Chapela e Cesantes, entre elas con dous barcos da liga feminina”.

Digna Rivas, alcaldesa Redondela

O presidente do CR Chapela, Antonio Viaño, explicou que esta tripla cita do sábado día 13 será un feito “excepcional” durante a presente competición, que só se repetirá no fin de Liga na Coruña co Trofeo Herrera e os play-off que organiza a Federación. O club de Chapela participa nas tres ligas logo de inscribirse na LGT-B cun segundo barco “para dar saída aos rapaces máis novos que non teñen sitio na traiñeira da LGT-A”.

Antonio Viaño, CR Chapela

A competición comezará ás 16.30 horas coa regata da LGT-B na que participarán CR Puebla, CR Cedeira, CM Bueu-Simei, CRN Riveira, CR Salgado-Perillo e os anfitrións do CR Chapela-Wofco. Ás 17.00 comezará a IX Bandeira Feminina Concello de Redondela da LGT-F coas anfitrioas do CR Chapela-Wofco que lideran a liga seguidas da outra embarcación local, do CCD Cesantes-Amegrove-Cefycal, máis os barcos de CR Rianxo, CR Cabo da Cruz, Mugardos, A Cabana Ferrol, CM Castropol e CR SalgadoPerillo.

A última das probas será ás 17.30 coa V Bandeira Chapela Concello de Redondela da LGT-A na que participan CR Ares, SD Tirán-Pereira, CM Castropol, CR Rianxo, SD Samertolameu-Oversea, CR Urme, CR Mecos, CR Narón, CR Cabo da Cruz, Mugardos-A Cabana Ferrol e as traiñeiras locais do CCD Cesantes-Rodavigo e a anfitrioa CR Chapela-Wofco.

Os participantes nas tres probas farán fronte a un percorrido de tres millas náuticas, algo máis de 5.550 metros, con catro longos. Entre as tres bandeiras repartiranse 19.000 euros en premios, correspondendo 4.000 á II Bandeira Chapela Wofco da Liga B, 6.000 na IX Bandeira Feminina Concello de Redondela da Liga F e 9.000 na V Bandeira Chapela Concello de Redondela da Liga A.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará