A ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e mais o Concello de Redondela desenvolverán a actividade de sensibilización social que leva por nome “Cine e cooperación. Unha ventá ao mundo” que terá lugar o xoves 18 ás 19:30 horas cunha proxección de cine ao aire libre na fachada da casa consistorial.
Unha actividade que consistirá na proxección de varias curtametraxes vencelladas ao proxecto de cooperación que Solidariedade Internacional de Galicia está a desenvolver en Guatemala, co financiamento do Fondo Galego. Ao rematar as proxeccións haberá tempo de comentar e debater sobre diferentes aspectos relacionados co proxecto e mais coas curtametraxes: soberanía alimentaria, seguridade e hixiene alimentarias ou o dereito a unha vivenda digna, en relación cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.
Unha actividade que se realiza na rúa dende o propósito de ocupar o espazo público para favorecer a accesibilidade do conxunto da poboación coas accións de cooperación, de sensibilización e de concienciación social.