A Xunta, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar un punto de vertido de augas residuais en Soutomaior. Tratábase dun vertido de augas residuais á ría de Vigo que se producía por unha tubaxe localizada entre as rochas do dique baixo o paseo marítimo no lugar de Cagazó, unha canalización que serve para evacuar as augas pluviais da zona.
Nas análises do caudal existente constatouse a presenza de carga microbiolóxica, polo que foi comunicada a situación ao Concello para que adoptase as medidas oportunas coa finalidade de corrixila. Ante as dificultades para determinar a orixe da contaminación, o Goberno local decidiu conectar provisionalmente a liña de pluviais afectada cara a rede de saneamento á espera de coñecer a procedencia exacta dese aporte irregular.
O persoal do organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comprobou nunha nova inspección á zona a eliminación dese punto de vertido e acordou facer un seguimento da situación ata a corrección definitiva da incidencia.